mércores, 19 de marzo de 2014

Entrega de premios concurso "As mulleres da miña Vila"

O Concello de Oleiros, dentro do programa ESCOLAcoeducativa destinado á promoción dos valores da Igualdade nos centros educativos, organizará este venres día 21 ás 19:00h no Centro Cultural A Fábrica un acto público de recoñecemento ás mulleres protagonistas dos traballos presentados polo alumnado de 1º e 2º da ESO ao concurso. Así mesmo,  farase entrega do premio ao autor ou autora do traballo que obtivo unha maior puntuación nas valoracións do xurado.
 
 Información sobre a actividade:
O Concello de Oleiros, co fin de integrar a coeducación no quefacer diario dos centros educativos, puxo en marcha un programa de coeducación para Educar en Igualdade, e traballar así a promoción dos valores da Igualdade de oportunidades. O programa conta con  diversas actuacións que se van desenvolvendo ao longo do ano, traballándose de forma máis específica datas sinaladas como o 8 de marzo. Entre as actuacións coeducativas previstas para conmemorar o 8 de marzo estivo a organización do I Concurso “As mulleres da miña vila” dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO, no que se lles propuxo que investigasen sobre a vida das mulleres do noso Concello e fixesen a súa “historia de vida”. A actividade tivo como finalidade educativa  ampliar o seu coñecemento sobre a historia do Concello, dar a coñecer a vida das mulleres como protagonistas da nosa historia máis recente, e visibilizar as desigualdades entre mulleres e homes no ámbito familiar, laboral, social, etc.
Entre todas as historias de vida presentadas ao concurso, un xurado composto por persoal da Concellería de Ensino e Xuventude e membros das ANPAs, tivo a misión de seleccionar a historia gañadora do premio. Foron varios os criterios que se tiveron en conta á hora de seleccionar os traballos, pero tiveron un grande peso a creatividade e/ou orixinalidade na exposición do traballo, o formato de presentación, e a coherencia entre o traballo e a temática do concurso, entre outros.
 
Os 25 traballos finalistas recolléranse nunha edición electrónica que será distribuída entre os centros educativos participantes e publicarase na páxina web do concello. Así mesmo, cos autores e autoras dos traballos finalistas gravouse un audiovisual para dar a coñecer os traballos e facerlles unha homenaxe ás mulleres protagonistas.
                                                                                                                      
A entrega do premio, e o visionado do audiovisual, terá lugar este venres día 21 de marzo ás 19:00h no Centro Cultural A Fábrica. Neste acto de portas abertas realizarase un recoñecemento público ás mulleres protagonistas das historias de vida, pola súa contribución a favor da familia e/ou pola súa actividade produtiva local. Con esta homenaxe preténdese dar a coñecer cal era a situación da muller, na historia máis inmediata, e poñer en valor as actuacións de mulleres que poidan ser motivadoras para a sociedade en xeral.