martes, 11 de marzo de 2014

Oleiros pon en marcha o seu Programa de alimentación saudable para escolares

Oleiros, 10 de marzo 2014-.  O Concello de Oleiros está a pór en marcha ao longo destes días o seu Programa de alimentación saudable, comida e saúde nos tres institutos de ensino público do municipio. Nesta iniciativa  participarán tanto o alumnado de 1º e 2º da ESO como o seu profesorado.

Os trastornos alimenticios, a mala alimentación, así como os hábitos sedentarios son uns dos problemas da sociedade actual e sobre todo na mocidade. A través deste programa, así como doutras accións que se levan a cabo desde o Concello, búscase promover hábitos de vida saudables a nivel físico e emocional. Sentando así as bases do benestar do alumnado, baseándonos nas súas necesidades reais por riba de presións sociais, mediáticas e de mercado.

O obxectivo desta iniciativa que leva a cabo a Concellería de Ensino e Xuventude é promover valores, actitudes e hábitos que incidan nun modo de vida saudable e equilibrado tanto a nivel físico como emocional. Ademais, as charlas e obradoiros invitan a reflexionar sobre algúns hábitos de vida que poidan indicar un trastorno alimentario ao mesmo tempo que promoven unha actitude crítica ante os estilos de vida como elementos condicionantes da saúde e determinados por factores culturais e sociais, vinculado polo consumo de alimentos de orixe industrial e precociñados. Ademais durante as xornadas fórmase aos estudantes para que poidan recoñecer os beneficios da actividade deportiva, en canto aos tres niveis da saúde: mental, físico e social.

O humor como ferramenta
Como xa aconteceu o curso pasado, e tendo en conta a boa aceptación, incluíuse dentro do programa de actividades a representación do monólogo P.G.U. (Partido de Gordos Unidos), a cargo do humorista Pedro Brandariz. Nesta actuación nárrase a vida dun gordo. Pedro Brandariz, cun estilo agresivo e transgresor, conta diversas peripecias da súa vida desde a perspectiva de gordo. P.G.U. non é un monólogo clásico, onde toda a importancia está no guión, senón que Brandariz leva a cabo un “monólogo clown”, onde non só importa o que se di, senón tamén a forma de dicilo, a personaxe, etc. A partir das situacións cómicas o monologuista analiza a importancia dos patróns de alimentación, relativizando as directrices estéticas que nos marca o sistema de publicidade actual.  Unha das mensaxes primordiais que se lanza é que para ser feliz non hai que ter un corpo esvelto, ou unhas medidas perfectas, senón que o importante é aceptarse a un mesmo ou a unha mesma tal e como somos.