venres, 21 de febreiro de 2014

Oleiros proxecta unha curta documental que amosa a educación en igualdade que se desenvolve nas escolas infantís do municipio

O Concello de Oleiros proxecta o próximo venres 21 de febreiro ás 19.00 horas no Centro Cultural A Fábrica a curta Xogando a ser iguais. Este breve documental pretende amosar a educación en igualdade que se desenvolve en todas as escolas infantís do Concello de Oleiros.  Ao longo do pasado ano desenvolvéronse distintas actividades cos nenos e nenas de 2 a 3 anos do último nivel das escolas infantís de Oleiros, as ditas actividades foron gravadas e serviron de base para a elaboración deste audiovisual. Esta proxección foi organizada para os seus protagonistas, os nenos e as nenas deses grupos de idade e as súas familias, polo que despois do audiovisual haberá unha sesión de contacontos a cargo de Teresa Grau.

A educación en igualdade nas escolas infantís é fundamental, xa que incorpora na educación dos homes e mulleres do futuro a perspectiva de igualdade. Este acto inclúese dentro da programación municipal para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora que se celebra o vindeiro 8 de marzo.

Esta data reivindica a loita da muller pola súa participación total na sociedade, pola igualdade e polo seu desenvolvemento íntegro como persoa. O Concello de Oleiros fai desta reivindicación das mulleres unha causa propia, incorporando sempre a igualdade, de forma transversal, ás súas políticas e actuacións. Por este motivo, coincidindo con esta data, desenvolve unha ampla serie de actividades e actos desde distintas concellerías apoiando o papel da muller na nosa sociedade.